viernes, 18 de junio de 2010

O sal das bagoas

Narrativa
“As dúas fillas de Lot quedaron encintas do seu pai."
(Xénesis 19,36)



Na Audiencia Provincial de Pontevedra, celebrouse onte o xuízo contra Lotario Puga Martelo por un delicto de “abusos sexuais continuados” nas persoas das súas dúas fillas. Á esposa de Lotario - acusada de complicidade pasiva -, a pesares das moitas preguntas que lle foron feitas, non houbo quen a quitara da cantilena que repetía sen parar (a mirada revirada aos adentros, a cabeza a abanear tal un sonómetro): “Eu fun a muller de Lot, e mirei atrás non para ignorar o mal camiño que o meu home levaba. Nin pola curiosidade de achar algunha felicidade na nosa vida de antes. Nin por fuxir do maltrato del. Ou por probar se a miña perda o detería. Mirei atrás ao escoitar berros desesperados. E cando mirei atrás para dar auxilio, fiquei convertida en estatua de sal”.

Examinada polo forense, seguindo ordenes do Presidente do Tribunal, este certificou: que si era certo. Que do exame da pel e das mostras de tecidos obtidas para seu análise se deducía, sen lugar a dúbidas, que a examinada estaba na súa totalidade composta de sal. De seguida foi absolta xa que a composición inhumana do seu corpo a convertía en non imputable, segundo manifestou en sentencia pronunciada “in voce” o señor Maxistrado.

Contou o cronista que presenciou os feitos, que a muller de Lot (ao escoitar a sentencia) parou de súpeto co mastigar de palabras que rosmaba. Nada máis dixo. Simplemente comezou chorar de ese modo fermoso e rarísimo que as estatuas teñen de facelo, sen que parte algunha do corpo se lles mova. Chorou só cos ollos rebordados de tristura, coma copos a verter. Impasible. Sen xestos.

As bagoas ao escorregar non deixaban rastros tal se a pel as bebera.

-Miña señora non se aflicta, xa todo pasou.
-Non choro por min. Choro por todas as estatuas de sal, que feitas con bagoas de muller, medran a cotío neste mundo de homes.